HÓCKEY A PATÍNS | PRIMEIRA DIVISIÓN
24 de marzo de 2012
O Clube Patín Cerceda da a cara, pero só consigue o empate contra o Lleida Llista Blava
Encontro xogado de poder a poder entre o Clube Patín Cerceda e o Lleida Llista Blava, que viña de perder tres partidos consecutivos. Ó final, o empate fixo xustiza ó xogo despregado por ambos conxuntos, sobre todo nunha segunda metade vibrante na que os ataques se impuxeron ás defensas, con constantes ocasións de gol por ámbalas dúas bandas.
Malia que o C.P. Cerceda aguantou ben a embestida inicial do Lleida Llista Blava, cando só restaban 21 segundos para o descanso chegaba o gol catalán por parte de Marc Muntané. Un duro revés para o conxunto galego, que estaba xenerando moito xogo de ataque.
O conxunto de Juan Copa seguiu insistindo na reanudación, pero sen demasiada sorte cara o gol, pois os colexiados anulaban un gol local de José Ramón López no minuto 13 por introduci-la bola co patín. O C.P. Cerceda desaproveitaba mediado o segundo tempo unha superiorioridade de dous minutos tras ser expulsado un xogador do Lleida, fallando tamén tres faltas directas, dúas delas por parte do xuvenil David Rodríguez, en quen o adestrador local depositou a súa confianza e que fixo uns minutos moi bos.
Finalmente a sorte mudaba no derradeiro minuto de xogo e así a tan so 41 segundos para o remate do partido era Pepe Barreiro (foto inferior) o que acababa o gol local nun bonito e ben levado contragolpe, finalizando deste modo o encontro cun xusto empate de 1-1.
Juan Copa mostrábase moi satisfeito con xogo desenvolvido polo Clube Patín Cerceda e afirmaba ó remate que “a actitude dos xogadores foi moi positiva a pesar das baixas. Aínda que continuamos sen estar atinados no gol, puidemos sacar un punto ante un dos mellores equipos da categoría”.